"A imaxe é o vehículo da emoción, é a súa enerxía, e con ela facilítase o acceso á consciencia, é dicir, que toda emoción é factible de transformarse nunha imaxe. Toda imaxe conforma un acto creativo e é por iso que o inconsciente fundamenta a creatividade"
C.G.Jung

“Desde el punto de vista espiritual, el viaje no es nunca la mera traslación en el espacio, sino la tensión de búsqueda y de cambio que determina el movimiento y la experiencia que se deriva del mismo”.
“En consecuencia
estudiar, investigar, buscar, vivir intensamente lo nuevo y profundo, son modalidades de viajar o, si se quiere, equivalentes espirituales y simbólicos del viaje”.
J.E. Cirlot

jueves, 14 de mayo de 2015

VIAXE AO PAÍS DA MOURERÍA

"O home precisa, como quen bebe auga, beber soños."
 Álvaro Cunqueiro "Imaxinación e creación", Grial, 19633




Esta viaxe comezou "por casualidade". O alumnado de 3º C e unha servidora líamos Arnoia, Arnoia de Méndez Ferrín, cando de  súpeto , buscando a Trabe de Ouro dos Profundos, sentímonos transportados no tempo e no espazo nunha viaxe case sen retorno. Unha viaxe mítica : ao País da Mourería, nada menos.
Alí atopamos de todo :  mouras e mouros, mámoas e antas, serpes, peites dourados, trabes de ouro e tesouros soterrados. Atopamos tamén literatura  oral e escrita , lendas recollidas aquí e acolá, e relatos de autores como Risco, Cunqueiro, Ferrín ou  Raquel Miragaia.

E tamén buscamos ,  como Indiana Jones na procura da arca perdida, o rastro dun santuario precristián en Coirós , Betanzos , recreando plásticamente este incrible petroglifo antropomorfo feminino , máis coñecido como A MOURA DE PENA FURADA.

E aquí vai unha mostra do resultado.
Imos alá.


Só queda sinalar que a maior parte dos textos que aparecen nesta entrada pertencen ao seguinte  documento :

 Rafael Quintiá ; RELATORIO MOUROS E MOURAS , NA PROCURA DE NÓS MESMOS,  publicado  nas actas das  V XORNADAS DE LITERATURA DE TRADICIÓN ORAL .








































 


MOUROS E MOURAS
Os mouros e as mouras parécense, comparten xeografías míticas, comportamentos e algúns
atributos, pero non son o mesmo. Segundo algúns estudiosos a figura mítica da moura é anterior á dos mouros. Parece claro que a moura conserva trazos que a relacionan con antigas deidades femininas vinculadas á natureza e/ou ó destino. Pola contra, o mouro é un construto mítico,simbólico, cultural xa que logo, para dar explicación ó noso pasado e para alicerza-la nosa
identidade, construída por oposición ó que eles son e representan.



















































Das fadas de que ouvín falar en Galicia, gardadoras de tesouros, sábese que as máis son fiadoras, e sempre están nas mañanciñas de cedo, que é cando mellor se ven, co seu fuso i a súa roca na raiola primeira do sol, i adoitan cantar cantigas que ninguén, por muitas veces que as escoite, pode adeprender. (...) A máis da roca e do fuso de ouro, as fadas teñen sempre un peite do mesmo, co que acostuman a peitearse, e tamén como o peite das sireas do mar, ó pasar polo cabelo fai música, i escoitase á mañanciña o doce son, un xílgaro trinador. Tamén se fala muito de espellos de ouro, e iso en todas partes. En Irlanda os xigantes tiñan tosos un espello de ouro, e tamén as fadas i as "sighe", as bruxas .(...)
Do que sei das fadas galegas é que son seres dunha leda infantilidá, i os tesouros que gardan dános as máis das veces porque ben lles peta a un que non se sabe por qué lles caeu gracioso".

Álvaro Cunqueiro; Tesouros novos e vellos; Galaxia

TESOUROS

A. CUNQUEIRO; Discurso de Ingreso na Real Academia Galega



A miña idea pirmeira é que un tesouro é coma unha persoa viva, coa súa
memoria i a súa vontade. Eu non sei si é certo o que lín en lady Gregory de que
houbo un tempo en que tódolos tesouros do mundo eran dun soio home e que
ístes, cansos dil, fuxiron i escondéronse nuns lados i en outros, e pra non ser
atopados pagáronlles ós magos do país pra que os encantesen. O fío da vida
do tesouro pende de que se desfaga iste encanto ou non. Si se desfái, o tesouro
deixa de sélo e convírtese en ouro propio, i o que o desfixo pódeo levar prá
casa. Téñense dado casos de tesouros que pasaron de ouro a cinza, é decir,
que desveado o segredo que os defendía, morreron.

(…)


Hai tesouros que tódolos anos teñen que xantar e beber algo. Eu teño oudido dun tesouro no Valedouro que estaba gardado por un enano que gastaba pucha colorada, i o enano tiña que manter ó tesouro con sangue de ovella, aínda que noutro tempo o mantiña con sangue de home, co cal estaba sempre relucinte. Os do país cansáronse de darlle ovellas ó enano, que non llas quería
pagar, i un de Budián que sabía lér i escribir puxo nun papel selado que se negaban a aquela renda, i o enano ó lélo tívose que conformar porque a negativa iba por escrito e levaba unha firma. O enano marchóu do país co tesouro, pro esquecéuselle unha tixela de ouro, que a repartiron en tres os veciños.

(…)


O máis do tempo os tesouros pásano durmindo, confiados na garda que teñen e no encanto. Que os tesouros cando durmen roncan, séino por unha historia dun de Chacín, na terra de Miranda, quen se fixo amigo dun mouro que gardaba un tesouro nun castro, e cando chovía o mouro sacaba paraugas.
O mouro, que era pequenecho e vestía de colorado, baixaba ó prado i axudaba a segar na herba i a subíla ás angarellas do burro. Rematóu confesándolle ó de Chacín que era gardador dun grande tesouro que estaba nunha cova, no castro, e que andaba algo libre porque o tesouro pasaba sete anos durmindo. O de Chacín pidíulle ó mouro que lle deixase ollar o tesouro, i o gardador, mui rogado,
consentíu. Eran sete fogazas de ouro, unhas derriba de outras, i a do cumio tiña boca, por onde alentaba e roncaba. Arredor do tesouro había ósos humáns. Os ronquidos do tesouro eran fortes e seguidos. O de Chacín asustóuse, pro o mouro díxolle que non tivese medo, que ó tesouro somentes o espertaban sete palabras. I o propio mouro xa se tiña esquencido delas. Pro íste é outro ponto.
(…)

As moedas dos tesouros son de outros tempos e muitas veces non se coñecen
os coroados que veñen en elas, aínda que os paisanos falan moito de onzas e
meias onzas. Pode ser que os mouros, ou os enanos, ou quen seña, cambeen as
moedas dos tesouros i as poñan de curso legal −o que levaría a atopar tesouros
de papel moeda, que é cousa que non imaxina ninguén que crea en tesouros,
que consisten esencialmente en ouro. Perguntando eu a ún que sabía moito de
tesouros, i hastra se decía que atopara ún, como sendo os tesouros do tempo
dos mouros −ou como lle había dito Lence-Santar, do tempo dos celtas−,
había neles onzas de Calros III, rañóu na cachola, e díxome que quizaves os que
esconderon os tesouros faguían moeda falsa, pensando nos tempos que iban a
vir. Ben, non podía chamárselle falsa porque estaba feita con ouro de lei, pro
trincábana cos reises que faltaban por reinar...
¿El cómo sabían que viña Calros III e tiña aquela cara?, pergunteille.
¿E logo as profecías?, respondéume.
I eu tiven que calar

(…)

Sábese que hai tesouros que están compostos de mesas, sillas, camas i armarios de ouro, pro dístes non se sabe que fose atopado ningún. Da cidade de Valverde, que está asolagada na lagoa de Cospeito, dícese que a casa do rei ten o tellado de ouro, e que a riqueza dos Verdes, que son os señores do pazo de Sistallo, ven toda de ter tirado do fondo da lagoa unhas cantas tellas. Tamén
hai unha cova no Incio que ten as escadeiras de ouro pra baixar ó fondo, i o que atope a cova e saque as escadeiras, ten que pór outras de pedra no seu canto. A cova é mui grande e ten unha saída ós baños de Lugo.
(…)

Góstame imaxinar que nos outos castros hai aínda muito ouro escusado, e tellados de ouro nas cidades asolagadas, e tesouros que falan, e moreas de riqueza gardadas por fadas, mouros, enanos... Cada ano algo de ouro vello aparez na tona da terra, i entón naquela aldea acéndese a imaxinación das xentes e saen a relucir raras e prodixiosas historias, que en conxunto fan un tratado
compreto do trato respeitoso que o home debe de ter con ise gran misterio que é o ouro, e revelan a capacidade fantástica da xente galega, que é moita. Eu participo dise asombro, e quero crér en todo o que se cré e non se ve. Xa dixen denantes o que me gustaría ver na coroa do castro de Riotorto saír ó enano coa súa pucha colorada a tocar, vespertino, o sonoro corno. Si non houbese saído
algunha vez verdadeiramentes, non se sabería que o había alí, gardador de brilante ouro. Namentras a xente nosa fala do ouro escondido, é que estará viva en nós ledicia imaxinativa, e seremos aínda máis ricos por soñar con tesouros que tendo tódolos tesouros do mundo nunha arca gardada. Valen máis escondidos.
Vai ún por un camiño, nos doces mediodías de outono, e choviña e parez que naquela miranda veciña brila algo entre a herba, i ún párase e soña cunha fada que ten na súa man un peite de ouro. Isto non fai dano a ninguén. Na aspereza da vida cotián, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar
de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos




 Traballo realizado polo alumnado de 3º C de ESO  do IES Leliadoura e coordinado polo profesor de plástica,  Lolo Garrido e pola profesora de Ámbito Sociolingüístico, Mónica Montero.
EXPOSICIÓN NA BIBLIOTECA DO IES LELIADOURA do 7 ao 22 de maio de 2015.



IES LELIADOURA. PRIMAVERA CULTURAL. Curso 2014/15

No mes de setembro de 2011 saltou á prensa o descubrimento dun relevo dunha muller realizado por Antón Fernández Malde a principios dos noventa do pasado século, achado que publicara no Anuario Brigantino no 1993 e no que xa abría a posibilidade de que o conxunto se tratara dun santuario no que destaca a figura dunha muller espida que mostra un desproporcionado sexo e coñecida dende vello polos veciños co nome de A Moura. Despois dunha primeira intervención, revelouse que non se trata dun tema illado, senón que forma parte dun complexo santuario datado entre os últimos séculos antes de Cristo e os primeiros da era cristiana que nos amosa o sistema simbólico e relixioso dos pobos galaicos, antes e durante a romanización. Ata o de agora, o coñecemento sobre estes pobos limitábase case ás aras romanas pero non abundan as representacións figurativas dos seus deuses nin este tipo de estruturas arqueitectónicas. Unha das novidades é o control sobre a incidencia que a luz solar ten no conxunto e as conexións astrais que plantexa. A figura da Moura é probablemente unha deusa da fertilidade, ubicada nun podio, na parte máis elevada do complexo, que se amosa con toda claridade cara ao mediodía, en contraste co outro antropomorfo, pode que masculino, que é máis visible cara o ocaso. Segundo Malde non é unha casualidade que a vulva do baixorrelevo sexa irradiada polo sol na súa máxima intensidade durante o equinoccio de primavera, momento do ano ancestralmente celebrado por festas e rituais, nin que a estrutura xeral do santuario, que se desenvolve nun eixo norte-sur, estea orientada ao oeste, relacionado co mundo do Máis Alá. Detrás do podio construíuse un pequeno habitáculo, a modo de balcón con vista ao Monte do Gato. Unha das cuestións a dilucidar é ata cando se utilizou o recinto. O investigador cre que xa coa cristianización consolidada continuou a ser un referente para os habitantes do lugar. De feito, a igrexa de Santa María de Lesa, a menos dun quilómetro, está adicada a unha mártir galaico-romana con reminiscencias de A Moura, xa que se lle atribúe unha extraordinaria fecundidade, ao ter parido nove fillos á vez.

CONCURSO “VIAXE AO PAÍS DA MOURARÍA”

Nome:
Curso:

Deberás contestar correctamente ao maior número de preguntas . Para isto consultarás á información que proporcionamos na exposición , pero tamén deberás manexar a bibliografía que poñemos a túa disposición nesta mostra. Gañara o “tesouro” aquel ou aquela que responda correctamente a tódalas preguntas. En caso de empate haberá un sorteo entre os gañadores/as.


1ª) Que é un mito para ti?

2ª) Escoitaras falar das mouras e mouros antes de agora? Que entendías por mourería?

3ª) Pregunta aos teus maiores (familiares, veciños...) se coñecen algunha lenda de mouras/os. Se é así escríbea e tráinola. Deberás grapala e adxuntala a este cuestionario.

4ª) En Galicia existen un gran número de topónimos relacionados coa mourindade. Escribe o nome de sete deles e indica a súa localización xeográfica.Que entendemos polo tempo da mouraría?

5ª) Hipóteses sobre a etimoloxía da palabra mouro/a.

6ª) Desde cando temos constancia escrita da crenza tradicional nos mouros ? Indica o autor , a obra e o século.

7ª) E das mouras?

8ª) Son o mesmo MOUROS e MOURAS? Cal dos dous mitos parece máis antigo?

9ª) Que son os mouros?

10ª) Que son as mouras?

11ª) Cales son os obxectos dos que adoitan acompañarse as mouras?

12ª) Como describe Vicente Risco á moura na Trabe de ouro e outros contos.

13ª) Como describe Cunqueiro as mouras galegas?

14ª) Escribe o nome de tres autores galegos que utilizaron as lendas de mouros e mouras nas súas obras?

15ª) Que é a trabe de ouro? E a trabe de alquitrán?

16ª) Que gardan os mouros e onde o gardan?

17ª) Que outro nome reciben os tesouros segundo Álvaro Cunqueiro?

18ª) Cunqueiro fala extensamente dos tesouros nun famoso discurso. Cal?

19ª) Hai un día no ano en que as mouras gostan de aparecerse e poñer os seus tesouros a asollar. Que día?

20ª) Localización xeográfica do petroglifo de Pedra Furada.

21ª) Alonso Romero manexa a hipótese de que a moura data da Idade Media. Con que esculturas a relaciona?

22ª) Que eran as sheelas-na-gigs?

23ª) Os arqueólogos que traballaron no xacemento de Pedra Furada conclúen que se trataba dun..........................adicado á deusa...................

24ª) Que relación hai entre as mouras e as serpes?

25ª) Que relación existe entre as mouras e os megálitos?

http://lalunaquesemeceternamente.blogspot.com.es/2014/06/mouras.html
http://lalunaquesemeceternamente.blogspot.com.es/2014/06/mouras-de-san-xoan.html

martes, 12 de mayo de 2015