"A imaxe é o vehículo da emoción, é a súa enerxía, e con ela facilítase o acceso á consciencia, é dicir, que toda emoción é factible de transformarse nunha imaxe. Toda imaxe conforma un acto creativo e é por iso que o inconsciente fundamenta a creatividade"
C.G.Jung

“Desde el punto de vista espiritual, el viaje no es nunca la mera traslación en el espacio, sino la tensión de búsqueda y de cambio que determina el movimiento y la experiencia que se deriva del mismo”.
“En consecuencia
estudiar, investigar, buscar, vivir intensamente lo nuevo y profundo, son modalidades de viajar o, si se quiere, equivalentes espirituales y simbólicos del viaje”.
J.E. Cirlot

miércoles, 23 de noviembre de 2011

SORISCO FALADOR



Entre os demachiños dos que por aquí se fala, está Sorisco. Quen o viu asegura que Sorisco terá o tamaño dunha botella de coñac "Tres Cepas", viste casaca morada e calza zocos. Sorisco entra na casa na que se dispón a pasar o inverno nove días despois de San Martiño e antes de acordar que fica acolá, ha ver se hai leña dabondo para todo o inverno e a clase de castañas que comen naquela casa. Vaise para o faiado, axota as arañas que haxa nun recuncho, e alí fai a cama, co pelo que arrinca ó gato doméstico, cando este está a durmir a carón do lume.
Sorisco pasa o tempo rillando castañas, tirándolle dos bigotes ó gato, volcando baldes de auga, saltando por derriba das vacas, paseándose de corno a corno - e escoitase na noite o golpe da sola de madeira dos zocos descontra a corna- e varrendo. Cando, polas noites, a xente da casa está na cociña, Sorisco métese en medio, e fala. O seu xogo é falar ó tempo que os seus hóspedes, imitando as voces, e indo un pouco retrasado no diálogo, fai coma eco. Parece que este parrafeo é o que máis lle gusta na vida.
Sorisco , se hai na casa algunha moza, vai visitala á cama, cando está durmida. Déitase na almofada e fálalle ao ouvido. Dille que é un mozo rico que vive a tres leguas de Meira, ou un escolante novo ou de pelo roibo que ten escola en Ribadeo, ou un dependente de comercio, moi guapo, que a despacha en Lugo. cando a moza vai ó mercado, etc,etc. A moza en soños cre que o tal citado a pretende e namora, e cando esperta, a mañá seguinte, non dubida de que todo o soprado ó seu ouvido por Sorisco non sexa verdade, e namórase ela de vez, e anda ida e socalada, inventando ir a Meira á feira, a Lugo ó mercado, a Ribadeo ó dentista ou ó fotógrafo, por ver de atoparse co pretendente. E atopa o amor, e este nin a coñece mim garda para ela, ou anda con outra. E entón a moza amurría, adoece, non come nin dorme, e algunha rapaza houbo que se volveu tola...
Para que Sorisco non escolla unha casa na que entrou hai que cocer castañas con saldiguera. Sorisco vén famento, e os primeiros días anda devecido polas castañas cocidas: ergue a tapadeira da pota e mete os dedos. Come ata estoupar. A saldiguera fai o seu traballo. E así catro ou cinco días seguidos. Sorisco ponse a morrer, non fai o eco na cociña, deixa en paz ó gato, non verque auga, non brinca nos cornos das vacas. Túmbase na súa cama, no faiado, e di que vai morrer . Pasa dous días sen xantar, toma algo de forzas, e vaise daquela casa, á procura de novos hóspedes. Enfraqueceu, e a casaca morada vénlle ancha. Cáseque non pode cos zocos. Non fai máis que cuspir, anoxa as castañas, busca as derradeiras amouras nas silveiras. E si hai por alí algunha cabra pacendo nun cómaro, mama nela.E entón escóitaselle que di :
-¡Vaites, vaites, que un home principal caia tan baixo!
E as máis das veces deixa o país, e despois, en Francia ou en Tarragona, anda cos amigos falando mal de nós.

A. Cunqueiro; Escola de menciñeiros




(Debuxo de Julian Lennon aos catro anos que inspirou esta canción)

2 comentarios:

  1. L.S.D.(Dietelamida de ácido liserxico) parece que foi o que realmente inspirou a J. Lennon, iso din. JU

    ResponderEliminar
  2. Esa versión tamén a coñecía. Quédome con esta ,porque o debuxo do neno é encantador e ben merece unha canción.

    ResponderEliminar

Moitas grazas.