

Non me gusta novembro. Nunca me gustou. Se cadra pola escuridade, a brevidade dos días, os cemiterios, os defuntos...
Comeza un novo ciclo e unha se recolle , mira cara atrás e pensa en moitas cousas, sobre todo , na vida que pasa...
Quédome como as árbores no outono, núa, sen follas , reconcentrada en min mesma.
Levo xa varias entradas impregnadas do aroma que este mes ten para min: que si sombra Rosaliana, que si nacer e morrer o único argumento desta obra, que si peixes-cronos devorándome...
É o momento de facer limpeza de armarios e procurar que flúa a enerxía estancada. De feito niso estou estes días, en sentido real e figurado. Desfacerse do que xa non é útil, do que xa non teña sentido gardar. Desfacerse dos lastres, dos pensamentos negativos, mortecinos , debilitantes e pouco productivos. Deixar de acumular trastos ,emocións e sentimentos inservibles.
Na nosa casa todo isto se acumula nun soto. Algúns din que isto simboliza desorden nas lembranzas e experiencias acumuladas no subconsciente e non integradas. É posible. O feng-shui recomenda reorganizar estos espazos polo menos unha vez ao ano. Só debería quedar o que é necesario e reporta algún tipo de beneficio. Pois ben, aí , entre a roupa e os trastos vellos, perdido e esquecido, estaba el: Cunqueiro e a súa Escola de menciñeiros. A súa relectura é autocurativa e está conseguindo que novembro sexa menos novembro para min, e así poder seguir gozando desta vida tan extraña e tan fermosa á que tanto teño que agradecer, tamén en novembro, o mes da morte e dos mortos, que está a piques de nacer.
Para os que se "afrixoan" nesta época do ano :
Cunqueiro, Escola de menciñeiros;
BORRALLO DE LAGOA
"Os que en neloutras partes chaman alganados ou ensumidos, por Terra de Miranda e Pastoriza dinlles afrixoados. Xente é que entrista, enfraca, cánsase, desavece a comida, e morre aborrecida e calada nun recuncho, a pel da cor da cera, e por veces queixándose dun punto frío que lles vaga polo corpo, cando no peito, cando na espiña. Borrallo estaba especializado, que el mesmo fora un afrixoado e autocurouse. Parte da terapéutica consistiu en adeprender a ler; vendeu unha terra e foi pasar un mes a Ourense. Volveu novo."
LAMAS VELLO
"Tralo exame (o doente) era obrigado a ollarse, durante un tempo, en silencio, no espello de Lamas Vello.
-¿Acórdaste como eras hai dez anos?¿El que te atopas agora de novas feitas?
O enfermo dicía os cambios que atopaba na súa fisonomia. Lamas vello, novo Hans Kaspar Lavater(1), atopábaos todos moi significativos. Ouvíalle ó doente toda a súa enfermidade e toda a súa vida. Tiña , como tódolos curadores que eu coñecín, unha postura de amigable escoitar, de garimoso confesor.
-A enfermidade non cha botou ninguén-acostumaba a dicir ó doente.
A súa tese era que as doenzas adentrámolas en nós mesmos. Un soño, poño por caso, pode dar unha doencia, o mesmo que unha anguria, un mal pensamento, un desexo insatisfeito, a envexa que lle temos a Fulano ou Mengano, a mala teima que pomos en aqueloutro. Unha persoa humildosa, calada, amiga, esmoleira, está inmunizada contra moitas doenzas. Os soberbios, avaros, chufóns, irados, sobresaltan o sangue, e adoitan o corpo para que lles veña unha doenza. Tódalas doenzas teñen un nome humano, que os médicos non saben; os médicos sábennlles ás doenzas en xeral un nome científico, e por eso precisan dunha ciencia para curar, con menciñas científicas."
(1)Johann Caspar Lavater (Zúrich, 15 de noviembre de 1741- 2 de enero de 1801) fue un teólogo y escritor protestante suizo de lengua alemana.
Alcanzó notoriedad sobre todo gracias a su obra sobre la fisionomía: El arte de conocer a los hombres por la fisionomía (1775-1778).
Goethe, que fue amigo suyo, era un gran admirador de su obra. Hay que considerarle fundador de la fisionomía y de la morfopsicología.
Madeleine Peyroux -