


Con ésta xa é a terceira vez que , VIVOS, visitamos San Andrés de Teixido. A lenda di que se non vas de vivo, irás tres veces de morto, convertida a túa alma en serpe, anfibio ou insecto , por iso hai que ter coidado e non pisar a ningún deste seres porque son almas peregrinas.
Ollo tamén coas pedras. Igualmente poden ser ás ánimas de aqueles que non foron en vida.


De entre tódalas veces esta foi a visita máis ... inquietante. Non encontro outro adxectivo mellor para describila. Vai ser difícil explicar con palabras o que sentimos alí.
Para quen non a coñeza é unha paraxe cunha forza sobrenatural, unha sorte de lanzadeira das ánimas cara o alén, máis ala do mar, a Avalón, a illa celta dos mortos que acollía a alma inmortal dos benaventurados.
Avalón, "illa das mazás".
Curiosamente, en Galicia ás mazás silvestres chamáselle "avelurios".
A luz era intensa. O vento soplaba con moita forza.
Ao baixar ao pobo só se escoitaba o tintinear das baratixas nas pequenas tendas de recordos para turistas.


Entramos na igrexa e reparamos con atención no retablo do altar maior. Resultaba case arrepiante . As figuras desacougaban e o cúmulo de obxectos inverosímiles,imaxes, velas e exvotos, acentuaban aínda máis o desasosego.




Enerxías telúricas impregnaban todo o entorno , como si un fluído de forzas descoñecidas invadiran o lugar, tamén os acantilados que rodean San Andrés. Todo parecía estar inmerso nunha atmosfera de poder inusitado.




E como tódolos peregrinos, baixamos á fonte da vida e a morte, a fonte miragreira dos tres caños.
E alí recordei a meu pai.
A última vez viñemos con él. Estaba aínda convalecente dunha operación pola enfermidade que ,tres anos despois, o arrancaría de nós para sempre. A súa ausencia fíxose alí aínda máis presente , no espazo valeiro do lugar onde descansara na súa única e última visita a San Andrés.




Isto sentimos alí, pero aínda algo máis nos agardaba a noite de regreso a casa. E iso só se pode narrar baixo "A árbore protectora dos amigos", ou nunha noite de inverno arredor do lume.

Erik Satie -


























