Petroglifo da moura
No mes de setembro
de 2011 saltou á prensa o descubrimento dun relevo dunha muller
realizado por Antón Fernández Malde a principios dos noventa do pasado
século, achado que publicara no Anuario Brigantino no 1993 e no
que xa abría a posibilidade de que o conxunto se tratara dun santuario
no que destaca a figura dunha muller espida que mostra un
desproporcionado sexo e coñecida dende vello polos veciños co nome de A
Moura. Despois dunha primeira intervención, revelouse que non se trata
dun tema illado, senón que forma parte dun complexo santuario datado
entre os últimos séculos antes de Cristo e os primeiros da era cristiana
que nos amosa o sistema simbólico e relixioso dos pobos galaicos, antes
e durante a romanización. Ata o de agora, o coñecemento sobre estes
pobos limitábase case ás aras romanas pero non abundan as
representacións figurativas dos seus deuses nin este tipo de estruturas
arqueitectónicas. Unha das novidades é o control sobre a incidencia que a
luz solar ten no conxunto e as conexións astrais que plantexa. A figura
da Moura é probablemente unha deusa da fertilidade, ubicada nun podio,
na parte máis elevada do complexo, que se amosa con toda claridade cara
ao mediodía, en contraste co outro antropomorfo, pode que masculino, que
é máis visible cara o ocaso. Segundo Malde non é unha casualidade que a
vulva do baixorrelevo sexa irradiada polo sol na súa máxima intensidade
durante o equinoccio de primavera, momento do ano ancestralmente
celebrado por festas e rituais, nin que a estrutura xeral do santuario,
que se desenvolve nun eixo norte-sur, estea orientada ao oeste,
relacionado co mundo do Máis Alá. Detrás do podio construíuse un pequeno
habitáculo, a modo de balcón con vista ao Monte do Gato. Unha das
cuestións a dilucidar é ata cando se utilizou o recinto. O investigador
cre que xa coa cristianización consolidada continuou a ser un referente
para os habitantes do lugar. De feito, a igrexa de Santa María de Lesa, a
menos dun quilómetro, está adicada a unha mártir galaico-romana con
reminiscencias de A Moura, xa que se lle atribúe unha extraordinaria
fecundidade, ao ter parido nove fillos á vez. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Moitas grazas.